O concello de Noia comezou co arranxo da rúa Besteiros un plan de mantemento e conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Noia

Domingo, 17 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arranxo Rua Besteiros

O plan no que se invertirán máis de 180.000 euros inclúe tamén a mellora da accesibilidade para os peóns e unha nova sinalización do casco urbano co obxecto de mellorar a imaxe da vila noiesa.

O Teniente de Alcalde e Portavoz do goberno local, José Manuel Lage Tuñas explica que “durante os últimos meses do ano non tiñamos consignación orzamentaria para poder afrontar estas importantes actuacións. Co comezo do novo exercicio económico, agora no ano 2016 imos a poder poñer en marcha un Plan de Mantemento e Conservación nas rúas do casco urbano de Noia cunha inversión prevista inicialmente de 180.000 euros”. O executivo noiés comezou a primeira actuación e a máis urxente esta mesma fin de semana coa execución do asfaltado do primeiro tramo da rúa Besteiros, que se atopaba en moi mal estado e que era unha reivindicación clamorosa por parte de moitos cidadáns. “Actuamos tan pronto tivemos fondos para poder acometer esta actuación. Nós tamén compartíamos a necesidade de actuar pero non o podíamos facer ata agora, dado que o orzamento do 2015 para este tipo de actuacións estaba esgotado ampliamente.” “Estamos actuando con celeridade dende o comezo deste ano, só estamos condicionados pola climatoloxía. En calquera caso, vimos de dar un paso importante coa actuación sobre o primeiro tramo da rúa Besteiros. E así se fai a facer con outras actuacións previstas tamén nos barrios de San Lázaro e Irmáns Labarta, na zona da Avda da Coruña e no Outonil e tamén no campo de Noia”.

ACCESIBILIDADE PARA OS PEÓNS
O Goberno noiés tamén incorpora dentro das actuacións deste Plan, a mellora da accesibilidade para os peóns que transitan polo casco urbano noiés. “Ao longo do ano 2016 imos a acometer unha importante actuación para eliminar barreiras arquitectónicas, destacando aquelas de maior dimensión e que están na rúa república Arxentina ao carón do centro de saúde, unha zona moi transitada e de primeira necesidade por atoparse alí a casa do Mar”. O executivo noiés que dirixe o socialista Miguel Paz non só ten previsto acometer a eliminación de barreiras arquitectónicas no entorno da casa do
Mar senón que “actuaremos tamén nos puntos conflictivos máis relevantes ao longo do ano 2016 para que a mobilidade dos cidadáns non se atope
restrinxida”. Lage Tuñas explica que “mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidades motrices ou mobilidade reducida é unha liña prioritaria deste goberno local en canto á política social a desenvolver neste mandato”.

MELLORA DA SINALIZACIÓN
Dende o goberno local tamén apostan por implementar un cambio “estético” na sinalización actualmente existente na vila de Noia. Nese sentido o portavoz do executivo local explica que “dentro deste plan disporemos unha partida específica para a eliminación dun número moi importante de sinais que existen no casco urbano que levan á confusión ou sinxelamente que están obsoletas. Ao mesmo tempo melloraremos a sinalización viaria cunha actuación integral sobre todo o perímetro do casco urbano, que está moi necesitado dunha actuación integral”. Lage Tuñas tamén explica que “farase un esforzo tamén para mellorar a estética no campo da sinalización e no necesario pintado de espazos públicos xa que consideramos fundamental darlle un impulso turístico á nosa vila, e para iso é fundamental mellorar a estética do casco urbano, coidando pequenos detalles que son moi importantes”.

Multimedia

  • Arranxo Rua Besteiros 1
  • Arranxo Rua Besteiros 2
  • Arranxo Rua Besteiros 3

Noticias relacionadas