Adxudicación do proxecto de pavimentación da Alameda

Xoves, 14 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno Local de Noia adxudicará na semana que vén as obras do proxecto de “pavimentación da Alameda”, que permitirá a renovación deste espazo histórico, onde se manterá  a gama cromática existente na actualidade

O portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage anunciou hoxe que a renovación integral do pavimento da Alameda noiesa comezará a facerse a partir do 30 de xaneiro e suporá unha inversión de 229.703 euros

Noia.12/01/2016.-O Concello de Noia afrontará no comezo deste ano 2016 a renovación da Alameda cunha importante actuación que tenta resolver o mal estado no que se atopa na  actualidade.

O Teniente de Alcalde e portavoz do Goberno, José Manuel Lage Tuñas anunciou hoxe que “na semana que vén se producirá a adxudicación da obra de renovación intregral do pavimento da Alameda”.

“A inversión é de 229.703 euros e ten como finalidade unha actuación integral sobre o pavimento da Alameda, debido ao seu mal estado e a necesidade de renovación do enlousado que define a singularidade cromática deste espazo histórico da nosa vila”, explica Lage Tuñas.

O Goberno Local recorda que “o estado actual non é o óptimo e afecta á totalidade do pavimento da alameda, o que constitúe un prexuizo permanente para o concello debido a que ao longo dos anos viñeron sendo continuas as reparacións que se necesitaron acometer para reparar os desperfectos que se sucedían”.

“Actualmente pódese comprobar como a maior parte do enlousado presenta grietas, roturas, perdas de anacos ou mesmamente deslocen o cromatismo orixinario, e paralelamente,  representan un risco de caídas e tropezóns para rapaces e persoas maiores que diariamente desfrutan deste hábitat”.

Lage Tuñas explica que con esta actuación “pretendemos devolverlle á alameda os niveis de ornato, salubridade e seguridade que se require nos lugares públicos”.

O portavoz do goberno local e concelleiro de Patrimonio recorda ademáis que “a alameda é un dos espazos máis importantes do casco histórico de Noia e con esta actuación tamén queremos darlle un pulo áo desenvolvemento turístico, coidando e protexendo este espazo”.

“Para resolver esta situación e proceder á renovación integral do pavimento, comezarase a actuación coa demolición da soleira dos distintos paseos centrais, para proceder a substituíla por unha nova composta de formigón armado con malla electrosoldada interna” explican dende o executivo noiés.

Na memoria técnica que acompaña a obra os técnicos explicaron que “esta nova composta de formigón irá sobre unhas capaz de zahorra natural e macadam previamente estendidos e compactados, que deberá conferirlle ao baldosado a suficiente solidez e estabilidade”.

“As baldosas irán estendidas sobre capa de regularización de morteiro de cemento, serán cerámicas de gres porcelámico e da mesma tonalidade que as existentes co fin de respectar as condicións normativas que establece o PEPRICH”.  Así o describe o equipo técnico na redacción do proxecto que comezará a executarse a finais do mes de xaneiro.

Esta actuación estaba xa proxectado no pasado ano 2015 e conta coa financiación da Deputación da Coruña a través do programa PAI.

Comunicacións.
Concello de Noia.

Noticias relacionadas