Noia insta á xunta á mellora da seguridade viaria

Mércores, 28 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Seguridade viaria

O Goberno de Noia insta á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade viaria nos núcleos de Orro e Vilanova.

O executivo noiés esixe que se ilumine a rotonda de Orro e a ponte de Ceilán.

“Parécenos ben que se ilumine o viaducto sobre a ría, pero consideramos imprescindible que se dote de iluminación a rotonda de Orro e a ponte de Ceilán, xa que en termos de seguridade viaria son puntos de máxima relevancia” afirmou hoxe José Manuel Lage Tuñas, Teniente de Alcalde e portavoz do Goberno noiés.

Lage Tuñas explica que “dende o goberno local solicitamos que a Xunta de Galicia, administración competente en materia de seguridade viaria e titular da AC-550, proceda a dotar de iluminación e sinalización á rotonda de Orro e á ponte de Ceilán, que une Noia con Outes, como xa se ten feito co viaducto sobre a ría de Noia.”

O portavoz do goberno aclara que “nós facémonos eco das reivindicacións dos nosos veciños, e consideramos que a Xunta debería actuar con urxencia”.

Por iso dende o executivo noiés que preside Miguel Paz se insta á Xunta de Galicia a incluir, dentro dos plans autonómicos de estradas, como prioritaria a mellora da seguridade viaria no tramo da estrada AC-550 ao seu paso polos núcleos de Orro e Vilanova, tendo en conta a grave inseguridade actual.

Lage Tuñas tamén explica que consideran necesario “ que a Xunta redacte con urxencia un proxecto que garantice a mellora da seguridade viaria no tramo que discorre entre a ponte de Ceilán e os núcleos de Orro e Vilanova (Concello de Noia), dotando con beirarrúas ou sendas peonís o citado tramo para posiblitar os desprazamento dos peóns con un mínimo de seguridade.”

O Goberno Local de Noia pide que “dende a Xunta incorporen nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2016 unha partida específica para a urxente execución do citado proxecto en materia de seguridade viaria no tramo que discorre entre a ponte de Ceilán e os núcleos de Orro, Vilanova e o denominado cruce da Barquiña.”

Comunicacións.
Concello de Noia.

Noticias relacionadas