O xadrez ten unha cita en Noia o próximo 1 de maio

Xoves, 21 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O concelleiro de deportes Ramón Santos presentou o 2º Torneo Internacional de Xadrez Vila de Noia que se celebrará o próximo 1 de maio no Polideportivo Rosalía de Castro.
Dende o Concello esperan que sexa un campionato moi lucido que conte con máis de 100 xogadores en cada unha das 5 categorías que se disputarán. O concelleiro Ramón Santos agradeceu a implicación de Jesús Rodriguez, instrutor internacional de xadrez e representante da escola municipal, xa que nos 4 anos de vida que ten a escola, conta con máis de 200 persoas que se reúnen case todos os fins de semana para practicar este deporte. En palabras do propio edil "con ilusión, con ganas e con traballo pódese levar a cabo un deporte tan educativo e interesante para os máis pequenos".
A competición engloba á súa vez 5 torneos: categoría absoluta para maiores de idade e xogadores expertos; categoría sub.8 promesas; sub.10 benjamín; sub 12 alevín; sub 14 infantil. Estas catro últimas pertencen ao circuíto de promoción de Galicia. Pola súa banda Rodríguez destacou que o ano paso houbo 200 participantes, unha decena de mestres titulados e varios campións galegos participando nas distintas categorías. Para a celebración deste ano esperan lograr unha cifra similar ou mesmo superior.
Nesta ocasión o torneo repartirá unha contía económica de 1.000€ en premios, dos cales 300€ serán para o primeiro clasificado; 180€ para o segundo e 100€ para o que ocupe a terceira praza. Ademais sortearanse agasallos entre todos os nenos que participen e haberá unha merenda para todos os participantes.

Multimedia