O Concello de Noia segue coa súa campaña para mellorar a seguridade viaria na vila

Venres, 29 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tan só unhas semanas despois das visitas que realizaron tanto a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, como o xefe do servizo provincial de Estradas da Xunta, Felipe de la Vega, xunto co alcalde, Santiago Freire, empezáronse a acometer as obras de mellora en seguridade viaria no cruzamento da Barquiña, na AC-550.
Esta obra, que xa se está executando, consiste nun carril de espera. É unha primeira fase que permite aumentar a seguridade nese punto negro, que era moi conflitivo dentro da rede viaria noiesa, xa que se caracterizaba por unha alta sinistralidade. Con todo, séguense barallando outras opcións como podería ser a construción dunha rotonda.
Esta actuación é un compromiso tanto por parte da Consellería de Infraestruturas e Vivenda como por parte do xefe de estradas da Xunta.
É unha actuación máis a colación das obras de mellora de seguridade viaria que está a levar a cabo o Concello de Noia nas últimas semanas, como pode ser a iluminación da rotonda de Orro e a construción de beirarrúas entre o propio núcleo de Orro e dita rotonda que enlaza co corredor Brión-Noia e a variante. 
Todo isto é unha mostra máis de que este goberno prioriza a seguridade dos seus veciños.