
A mellora da seguridade viaria no termo municipal segue a ser unha prioridade para o executivo noiés. Proba dese compromiso é un dos últimos proxectos que o Concello levou a cabo, e que implicou a mellora do camiño municipal que dá acceso a Valconde e O Pirillueiro.
Estas intervencións leváronse a cabo cunha subvención do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
A axuda, que ascendeu a 30.142 euros, serviu para acondicionar as vías de entrada a terreos agrícolas. Neste caso, actuouse na que dá acceso a Valconde e O Pirillueiro.
Por unha banda, a actuación supuxo a mellora na comunicación entre os núcleos de Sabardes e O Pirillueiro e, pola outra, do tramo que une a zona de San Breixo con Valconde.