O alcalde supervisa os traballos de remodelación e ampliación da lonxa do Testal, que avanzan a bo ritmo

Martes, 28 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde, Santiago Freire Abeijón, comprobou o avance das obras de remodelación e ampliación que se están a acometer na lonxa do Testal. En palabras do rexedor, estas intervencións "marchan a bo ritmo, polo que agardamos que estean listas para o inicio da campaña marisqueira". 

A empresa Tragsa está a executar este proxecto, que conta cun investimento de preto de 600.000 euros. 

"É unha actuación moi necesaria que vai redundar na mellora do traballo dos mariscadores e mariscadores, xa que corrixe algunhas eivas do edificio actual en cuestións como a impermeabilidade, illamento térmico e distribución de espazos", apunta Freire Abeijón. O alcalde destaca que estes labores "contemplan elementos novidosos que permitirán a visualización do procedemento de poxa". 

As obras inclúen a reforma da cuberta e das paredes do inmoble, acometendo melloras destinadas a mellorar a súa impermeabilización e illamento térmico. As actuacións contemplan tamén a instalación dun pequeno graderío desde o que os e as turistas poderían observar os procesos de clasificación, transformación e poxa do berberecho noiés. Así mesmo, farase unha redistribución de espazos para mellorar as condicións laborais dos profesionais que utilizan estas instalacións.

Multimedia