O alcalde de Noia agradece o compromiso da Xunta de Galicia co sector marisqueiro

Luns, 14 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou, no mes de setembro, o seu compromiso co sector marisqueiro. Trátase dun sector estratéxico que, a pesar da pandemia, facturou un 10% máis con respecto á media acadada neste mesmo bimestre durante os dez últimos anos. 

Durante a súa visita á lonxa noiesa de Testal, con motivo do inicio da campaña marisqueira 2020/2021, o presidente sinalou as cifras da campaña 2019/2020 en Noia. Estes números sitúana como a 2ª mellor de toda a serie histórica en termos de descargas e como a 1ª en facturación dos dez últimos anos. 

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, puxo en valor o esforzo na aplicación dos protocolos anti-COVID-19 no sector marisqueiro noiés. Así mesmo, o rexedor aproveitou a ocasión para agradecer o compromiso do presidente da Xunta e da conselleira do Mar, Rosa Quintana: "o investimento que o organismo autonómico fixo para remodelar a lonxa do Testal. Estas intervencións fixéronse a contrarreloxo para que puideran estar rematadas ao inicio da campaña". "Quedan só pequenos detalles que terminarán ao longo das vindeiras semanas e que van supoñer unha mellora significativa", comentou Freire Abeijón. 

Ao acto asistiron a primeira tenente de alcalde, Marisol Villar Ageitos; o concelleiro de Medio Mariño, Julio Bustelo; o responsable de Turismo, Pepe Pérez Martínez; o concelleiro de Medio Ambiente, Martín Fernández Godón; a concelleira de Economía, Laura Salgado García; e a responsable de Parques e Xardíns, Ana Isabel García. O evento contou, así mesmo, coa presenza do patrón maior da Confraría San Bartolomé de Noia, Santiago Cruz, que desexou "bos prezos para os mariscadores e mariscadoras, e que tanto a COVID-19 como a toxina nos deixen desenvolver con normalidade a campaña marisqueira". 

Multimedia