A débeda a provedores supera os 1,8 millóns de euros en Noia

Venres, 01 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Noia, Santiago Freire, analizou a situación económica, financeira e de débeda a provedores coa que se atoparon dende que accederon ao goberno municipal. Cre que “é conveniente e necesario que os veciños de Noia sexan coñecedores de cal era a situación. Máis dun millón douscentos mil euros de facturas sen consignación e unha contía por riba do millón oitocentos cincuenta mil euros de débeda total a provedores”.

Freire expuso que “se trata de datos perfectamente contrastados e así se poden acreditar cos distintos informes e coas diferentes listaxes tanto de tesorería como de intervención e polos propios datos publicados relativos ao cuarto trimestre polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ”.

Ademais informou de que se determina que existe unha contía de facturas de débeda a provedores por importe de máis dun millón douscentos mil euros recoñecidos ao 18 de febreiro de 2016. Dende esa data seguiron producíndose entradas de facturas de determinadas empresas e provedores que corresponden a actividades realizadas polo anterior goberno de Miguel Paz ou mesmo polo que lle precedeu, o de Rafael Guerreiro.

Así mesmo o edil destacou que a día de hoxe o pago a provedores rolda o millón oitocentos cincuenta mil euros. Destacou que “é evidente que para poder facer fronte ao pago dos mesmos naquelas nas que non existe consignación é preciso articular canto antes os mecanismos e para iso estanse dando as instrucións oportunas para elaborar o novo documento de orzamentos de 2016, onde se procederá a rematar a liquidación do exercicio anterior e farase unha incorporación de remanentes para poder asumir canto antes este pago a provedores”.

Hai provedores aos que se lles deben contías que superan os trescentos mil euros. Freire lamentou que algúns deses provedores estean a pasar por unha situación de liquidez complicada como consecuencia desta débeda.

Dende o goberno de Noia comprométense a que en canto sexa posible e en canto exista consignación efectuaranse os pagos xa sexa a través de expedientes de modificación de crédito ou ben a través de transferencias de crédito.

Por último destacou que hai gastos levados a cabo polo anterior goberno que son canto menos curiosos. O alcalde fixo referencia e resaltou un en concreto, un gasto dunha auditoría integral de parques infantís do Concello de Noia. Auditoría que supuxo un gasto de dezaoito mil euros e que consiste nun libro no que se recollen fotos dalgúns deses parques cunha breve descrición. O executivo noies pediu presupostos a empresas que fan este tipo de auditorías e informáronlles que este traballo efectúase por contías de entre trescentos a seiscentos euros.